Os Jalochos
Os Jalochos é un proxecto de música e narración para público infantil e familiar creado por Sabela Olivares e Suso Bello. A través dos espectáculos, dos obradoiros e dos libros, compartimos historias en galego nas que a música, o movemento e o xogo convidan o público a participar.
Somos Sabela e Suso
Somos dúas persoas unidas pola música, a creación e a educación. En 2021 creamos Os Jalochos para compartir coas crianzas e coas familias unha maneira propia de vivir as historias a través das cancións, do movemento e do xogo.
Nos nosos espectáculos, as crianzas non se limitan a mirar. Cantan, bailan, xogan e axúdannos a construír o que acontece no escenario.
A lingua de signos forma parte de traballos como A Landra viaxeira e o amigo Lambón e Canta coas mans. Integrámola nas narracións, nas cancións e nas dinámicas para achegala ao público oínte e contribuír á súa normalización desde a infancia.

As persoas detrás das historias

Sabela Olivares
Música e docente especializada en instrumentos da música tradicional e popular.
É mestra de piano e gaita e conta cunha ampla traxectoria vinculada á interpretación, á educación musical e á divulgación da cultura galega.
Desde 2004 participa profesionalmente en diferentes proxectos musicais e artísticos. En Os Jalochos combina a súa experiencia docente coa música, a creación e o traballo escénico para público infantil e familiar.

Suso Bello
Compositor, produtor musical e intérprete cunha ampla experiencia na creación e produción de diferentes traballos discográficos.
Participou en proxectos como A Companhia do Ruído, Oito nun Piso e Os Chiquilicuatres. Na actualidade combina o seu traballo en Os Jalochos coa participación no proxecto folk Boroa.
Dentro e fóra do escenario
Os Jalochos continúa tamén fóra do escenario a través dos libros, das cancións, dos obradoiros e dos recursos para seguir cantando, xogando e aprendendo na casa, na escola, na biblioteca e noutros espazos culturais.
Cada traballo parte dunha historia ou dunha idea propia e busca crear unha experiencia compartida entre as crianzas, as familias e as persoas que participan na actividade.
Queres levar Os Jalochos á túa programación?
Contacta con nós para coñecer os espectáculos e obradoiros, consultar os formatos dispoñibles ou solicitar información.



