Espectáculo
A Landra viaxeira e o amigo Lambón
Unha viaxe musical por Galicia na procura da festa
Sinopse
Landra emprende unha viaxe por Galicia acompañada do seu amigo Lambón e dunha folla de carballo capaz de transformarse en camión, barquiño, paraugas ou mesmo nun avión.
Durante o camiño coñecen personaxes tan singulares como Picapeixe e Picapaus, o punki Ramón o Salmón, a píntega Leda, Old Pot e Lara, a píllara espacial.
As cancións interpretadas por Sabela e Suso acompañan esta aventura e convidan as crianzas e as familias a bailar, rir e participar.


Que vive o público
A Landra viaxeira e o amigo Lambón combina narración, música en directo, movemento e xogos participativos.
As crianzas experimentan co ritmo, co tempo e coa intensidade a través do canto, do baile e da percusión corporal. Viven a música dun xeito activo, participan na viaxe e axudan a construír o que acontece no escenario.
O público non se limita a escoitar a historia. Forma parte dela.
Unha historia para descubrir Galicia
A viaxe de Landra e Lambón percorre a natureza, as vilas e diferentes paisaxes de Galicia na procura da festa e do encontro colectivo.
O galego é a lingua da narración, das cancións e do xogo. O espectáculo favorece a súa presenza nos espazos de lecer e preséntao como unha lingua para expresarse, imaxinar e divertirse.
A historia pon tamén en valor a amizade, o respecto pola natureza e a alegría de coñecer novos lugares e persoas.
A lingua de signos forma parte da narración
A lingua de signos está presente en todas as representacións, con independencia do formato contratado.
Mentres Suso conta a historia, Sabela interpreta en lingua de signos o que acontece. O espectáculo inclúe tamén unha canción signada que Os Jalochos ensina ao público para aprendela e interpretala en conxunto.
A lingua de signos intégrase na propia narración e achégase ao público oínte dun xeito natural, contribuíndo á súa normalización desde a infancia.
Ficha técnica
Público
Infantil e familiar. A dinámica adáptase á idade, á composición do público e ao contexto de cada actuación.
Idioma
Galego
Formatos
Acústico sen equipo de son ou concerto con sonorización.
Necesidades técnicas
Varían segundo o formato e as características do espazo. Información baixo consulta.
Queres levar A Landra viaxeira e o amigo Lambón á túa programación?
Contacta con Os Jalochos para consultar dispoñibilidade, condicións e o formato máis adecuado para o teu espazo.






